Unha vaga de falsas ameazas de bomba a través de correos electrónicos obrigou a desaloxar ducias de colexios en toda Galicia, sobre todo na cidade da Coruña, e a que a policía e grupos especializados en explosivos levasen a cabo varias intervencións. “Soaron tres veces as alarmas, baixamos todos ao patio e moitos nenos chegaban alí chorando… Logo veu a policía e fóronnos sacando para fóra, sen mochila nin cazadora, nin nada”, relataba unha pequena mentres ela e o resto de alumnado era desaloxado contra as dúas da tarde do CEIP de Prácticas da Coruña.
Foron arredor de 80 centros educativos os que recibiron o correo coa ameaza en Galicia, segundo os datos da Consellería de Educación, que tiña constancia deste número a última hora da tarde.



